Resultados da anterior edición e datas para o Curtas Film Fest 2017

O pasado mes de outubro levouse a cabo a 44 edición do Certame Internacional de Cine de Vilagarcía de Arousa, o Curtas Film Fest. Unha edición que marcou o inicio dunha nova etapa que, xa dende o remate do festival e ainda coa exposición funcionando un mes máis, foi todo un éxito.

Os datos do evento, que contou co patrocinio do Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra, e o Liceo Casino, non deixan lugar a dúbida algunha. Foron máis de 35 mil asistentes (concretamente 35.917) os que participaron nas diferentes actividades que se levaron a cabo no Curtas Film Fest 2016. Un remarcable éxito para o festival máis antigo de Galicia, e un dos decanos do noso país, que contribuiu ademáis á dinamización turística da nosa cidade, levando o nome de Vilagarcía de Arousa máis aló da súa área natural de influencia. Un datos que ademáis de ser positivos para a cultura da nosa cidade o son tamén para os sectores hosteleiros e do comercio da localidade que recibiron unha máis que considerable afluencia de persoas de toda Galicia, doutras comunidades e incluso de paises cercanos coma Portugal.

Presenzas destacadas de autores, ilustradores e guionistas nacionais e internacionais como Juan Giménez, Salvador Larroca, Alfonso Azpiri, Rafael Ruíz ou Mo Caró; galegos como Kiko Da Silva, Luis Sendón, David Buceta, ou Fernando Iglesias; cosplayers como Flor Sofen; xóvenes promesas do audiovisual galego como Olga Osorio, Juan Galiñanes, ou Nani Matos, nomeados recentemente para os premios Mestre Mateo; actores consagrados coma Nacho Fresneda; e proxeccións de títulos coma “Graffiti” de Lluís Quílez, nomeada aos premios Goya e preselección dos Oscars no 2017, puxeron a Vilagarcía de Arousa no foco dos eventos cinematográficos e do eido da banda deseñada tanto en Galicia coma no resto da península.

As actividades do Curtas Film Fest 2016 foron moi diversas: dende un obradoiro de curtametraxe, que arrancou o día 16 de setembro; a proxección de Astral, o documental de Jordi Évole e Salvados; as catro exposicións que acolleron a sala RIvas Briones e a Casa da Cultura con máis de 27.500 visitas; 37 proxeccións repartidas entre dúas salas que acolleron dende curtametraxes a documentais pasando por longametraxes de todo tipo; as xornadas de banda deseñada e o desfile da Tropa Korriban que fixo brillar ás rúas de Vilagarcía coa maxia de Star Wars e as cerca de cinco mil persoas que as disfrutaron; a celebración do Samaín Arrepiante que entre o taller de cabazas, as proxeccións, o desfile da Santa Compaña, as sesións de maquillaxe, o Magosto e o Baile dos Vampiros fixo disfrutar a máis de 1500 persoas; ata un torneo de videoxogos, unha sala de xogos de rol e de cartas, e moitas outras cousas.

Por iso, compracenos anunciar que o Curtas Film Fest 2017 celebrará a súa 45 edición do 23 o 29 de outubro e, pese a que ainda e cedo para falar dos seus contidos, si podemos adiantar que acollerá novas exposicións e seccións nas que o equipo do festival xa se atopa traballando. Pronto vos ofreceremos novidades dunha edición que fará medrar o festival tanto en calidade coma en contidos.

Apuntade as datas na vosa axenda! Vémonos en outubro!