Andrea Barreira

Andrea Barreira

Andrea Barreira

Andrea Barreira Freije, (A Fonsagrada, 1986)

Esta é unha pequena parte da miña vida, a que máis vos pode interesar porque é a
que vive da escrita.
Pero antes, algo de formación. Licencieime en Xornalismo pola Universidade de
Santiago de Compostela, fixen un mestrado en Comunicación Científica,
Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e outro en
Estudos Internacionais pola pola Universidade de Santiago de Compostela.
Xa entrando en materia literaria e do presente ao pasado, en 2018 publiquei a
novela Palabra de Bruxa, na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia, que foi
finalista na Gala do Libro. En 2015, publiquei a miña primeira novela, xuvenil e de
xénero fantástico, Non hai luz sen escuridade, baixo o selo de Urco Editora.
Para adultos, participei nas antoloxías colectivas O libro dos libros (Editorial
Galaxia); Contos do Sacaúntos. Romasanta o criminal (Urco Editora); Lendas de
Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Fase (Contos Estraños); Tebras na
Alma (auto-edición) e Contos de Verán (Redelibros).
Escribín o conto infantil de Nadal, Que pode saír mal? para as actividades
Pontexogos (Pontevedra) do Nadal 2016/17, ilustrado por Ana Seoane.
Desde 2018, coordino os clubs de lectura de galego, castelán e feminista na
Biblioteca pública Ánxel Casal (Santiago) e o feminista na Biblioteca pública Miguel
González-Garcés (A Coruña), nun amor constante e continuo pola literatura.
Actualmente imparto obradoiros de narrativa para adolescentes e adultos en
Gestión Cultural_Taller Abierto (Pontevedra). Se boto a vista atrás, e non moi atrás,
tamén impartín outros na Biblioteca pública de Castrillón (A Coruña), Irixoa e O
Saviñao para adultas; na Biblioteca pública Fórum Metropolitano (A Coruña), Friol,
Quiroga, Courel, A Fonsagrada, Cuntis, Pazos de Borbén… para crianzas. Viaxo por
institutos, escolas, bibliotecas, feiras e eventos literarios cando me soa o teléfono e
ata que o coche resista.
E xa para concluír, formo parte do barco da Libraría de Mulleres Lila de Lilith e do
colectivo feminista de crítica literaria A Sega.