A Igrexa de San Martiño de Noia e A Campá do Inferno

Sabías que a igrexa de San Martiño de Noia protagonizou un dos episodios máis escuros e tráxicos do cinema fantástico español?

Entre xaneiro e febreiro de 1973 rodouse, nos estudios Roma de Madrid e as localidades de Betanzos e Noia, A Campá do Inferno de Claudio Guerín, un dos realizadores máis prometedores do cinema nacional naquel intre. Tratábase dunha co-produción hispano-francesa, na que Guerín tamén exercía como produtor, sobre un guión do escritor e dramaturgo Santiago Moncada.

O filme, co protagonismo de Renaud Verley, Viveca Lindfords e Alfredo Mayo, conta como tras a morte da súa nai, un mozo sae do psiquiátrico no que fora internado pola súa tía, e regresa ao seu pobo para levar a cabo unha terrible vinganza contra esta e as súas tres primas.

Durante o derradeiro día da rodaxe, o 16 de febreiro de 1973, sucedeu a traxedia. Guerín preparábase para filmar unha das esceas do filme ante a mirada de numerosos veciños e curiosos atraidos polo acontecemento que lles supoñía. O equipo construira unha torre de cartón pedra para albergar a campá que da título ao filme, xa que esta belísima igrexa gótica ficou inacabada sen un dos seus torreóns.

Cóntase que á igrexa, para que non rivalizase en beleza coa catedral de Santiago, botáronlle un meigallo polo que aquel que intentase rematar a segunda torre sufrirá un fatídico destino, tal e como lle pasou ao mestre canteiro que a construíu no seu tempo e que morreu ao caer dela.

Certo ou non, o caso foi que o realizador subiu a un ándamo no alto da igrexa para colocar unha cámara e perdeu o equilibrio ao saltar a un beiril. Caendo dende vinte metros de altura, ante a mirada atónita dos alí presentes. Tristemente, Guerín faleceu antes de chegar ao hospital en Santiago de Compostela. Unha pequena cruz, muda testemuña do desafortunado accidente, marca no chan da praza do Tapal o lugar onde caeu.

Juan Antonio Bardem foi o encargado de completar o filme que, tras a súa estrea o 16 de setembro dese mesmo ano no Festival de San Sebastián, gañou os premios ao mellor actor, para Alfredo Mayo, e ao mellor logro técnico do Sindicato Nacional do Espectáculo.

Se non a coñeces o lugar, xa estás tardando en visitar esta igrexa-fortaleza construída no século XV para deixarte abraiar polo seu espectacular rosetón, franqueado por catro anxos anunciando o Apocalipse, polas súas gárgolas, e polo magnífico tímpano da súa fachada, na que se pode apreciar a imaxe da virxe embarazada e o arcanxo Gabriel, ou os doce anciáns do Apocalipse. Foi declarada ben de interese cultural no ano 1931.

LOCALIZACIÓN: