| O lexendario realizador norteamericano Joe Dante será o convidado de honra da 49 edición de Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, onde recollerá o galardón honorífico na gala de clausura do festival, o sábado 30 de outubro, en recoñecemento a sua enorme contribución ao xénero fantástico.
Nado en 1946 en Morristown, Nueva Jersey, Dante comezou a súa carreira como editor para o produtor Roger Corman, ata que deu o salto a dirección con “Hollywood Boulevard” (1976), filme que co-dirixiu xunto a Allan Arkush. En 1978 debutou en solitario con “Piraña”, escrita por John Sayles, co que voltou a colaborar en “The Howling (Ouveos)” (1981) que este ano celebra o seu 40 aniversario.
En 1983 comezou unha exitosa colaboración con Steven Spielberg como produtor, dirixindo un dos segmentos da adaptación cinematográfica da serie “The Twilight Zone”. Colaboración que continuou coa exitosa “Gremlins” (1984), a súa secuela “Gremlins 2” (1990) ou “O chip prodixioso” (1987). Ademais de asinar outros títulos como “Exploradores” (1985), “Non matarás o veciño” (1989), “Matinee” (1993), “Pequenos guerreiros” (1998), “Burying the Ex” (2014), ou a antoloxía “Nightmare Cinema” (2018), a súa última longametraxe ata o momento.
Como parte da homenaxe, Curtas Festival do Imaxinario acollerá un encontro co realizador e unha retrospectiva con varios títulos, así como unha exposición con reproducións de varios sets a tamaño real, pezas orixinais de “Gremlins”, que se complementará coa homenaxe de varios ilustradores internacionais á película.
A 49 edición de Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa terá lugar do 22 ao 31 de outubro, e conta co apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa e a Deputación de Pontevedra, e o patrocinio de Cafés Candelas, Gadis e Planet Horror. |