Unha gran selección do mellor do cinema fantástico mundial darase cita en Curtas Festival do Imaxinario con títulos como “The Spine of Night”, filme de animación dirixido por Philip Gelatt e Morgan Galen King, que nos traslada a unha terra de fantasía nos que coñeceremos a loita de heroes de diferentes épocas contra unha poderosa forza maligna; “Son”, escrita e dirixida por Ivan Kavanagh, na que unha nai chegará ata o límite para protexer ao seu fillo dunha perigosa seita; ou a historia de maldicións familiares de “The Accursed”, de Kathryn Michelle e Elizabeta Vidovic.
Desde Galicia, e a ritmo de black metal, chegará o terror rural de “Jacinto”, de Javi Camino tras o seu paso polo Festival de Sitges; e desde Taiwan fará o propio “The Sadness”, o debut de Rob Jabbaz cuxa premiere mundial acaba de ter lugar no festival de Locarno, para tinguir de vermello a pantalla de Curtas nunha sesión especial que permanecerá na memoria dos asistentes durante anos.
A 49 edición de Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa terá lugar do 22 ao 31 de outubro, e conta co apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa e a Deputación de Pontevedra, e o patrocinio de Cafés Candelas, Gadis e Planet Horror.
