CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO, o festival internacional de cinema fantástico de Galicia, comprácese en presentar “GALICIA IMAXINARIA”. Un ilusionante proxecto que levará o talento audiovisual fantástico galego a outros países. Fomentando o intercambio cultural entre festivais internacionais nun acordo sen precedentes, e achegando diferentes perspectivas e formas de entender o fantástico aos seus públicos. “GALICIA IMAXINARIA” é un relato visual da aprendizaxe, evolución e crecemento nos últimos anos do cinema fantástico galego en formato breve, para conectar Galicia co mundo, e o mundo con Galicia, a través do xénero.
E é que o xénero fantástico sempre foi unha gran ferramenta narrativa para explorar temas profundos e complexos. A través de mundos imaxinarios, criaturas imposibles e narrativas que desafían a lóxica, o xénero permitiunos, desde os seus inicios, reflexionar e abordar as preguntas e preocupacións máis apremiantes do noso tempo e albiscar a nosa realidade con maior claridade.
Con “GALICIA IMAXINARIA” presentamos unha selección de curtametraxes, que resultaron premiadas en pasadas edicións do Festival, e que ofrecen un gran abanico dos diferentes estilos, temas e sensibilidades presentes no fantástico galego recente. Dándolle unha nova vida a estas obras e levándoas a países donde, na súa maioría, non foran exhibidos con anterioridade.
Sete son as curtametraxes seleccionadas para esta primeira edición de “GALICIA IMAXINARIA” :
– ‘Compañeiros’ (2022), de Fernando Tato
– ‘In Half’ (2024), de Jorge Morais.
– ‘Mare’ (2020), de Guille Vázquez
– ‘O que queda de nós’ (2021), de Miguel G. Abad
– ‘Sombra do mar’ (2021), de Sergio Pereda
– ‘Teratoma’ (2021), de Jano Pita
– ‘Xogo de nenos’ (2023), de Miguel R. Berride
“GALICIA IMAXINARIA” xa ten confirmada a súa proxección nos vindeiros meses en Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal. Pronto ampliaremos máis informacion.
Curtas Festival do Imaxinario conta co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. E co patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.
