Curtas Festival do Imaxinario comprácese en presentar ao primeiro dos premios honoríficos da súa 53 edición. Paco Plaza, director de grandes éxitos do cinema de terror español recente como “[Rec]”, “Verónica”, “Quien a Hierro Mata” ou “La Abuela” visitará a 53 edición do Festival para recibir o premio Mestre do Fantástico pola súa inestimable contribución ao xénero fantástico.
Licenciado en Ciencias da información e graduado na ECAM (Escola de Cinema de Madrid), Paco Plaza comezou a súa carreira no mundo da curtametraxe con títulos como “Tropismos” (1995), “Abuelitos” (1999) e “Puzzles” (2001). En 2002, dirixiu a súa primeira longametraxe “El segundo nombre”, polo que se alzou co premio Mèliés de prata á mellor longametraxe de xénero fantástico europeo no Festival de Sitges.
En 2004, rodou “Romasanta: la caza da bestia” con Julian Sands e Elsa Pataki, na que nos trasladaba a un pobo na Galicia de 1850 para contarnos unha historia baseada na historia de Manuel Blanco Romasanta “O Lobishome Galego”. A consagración internacional chegaríalle en 2007, cando iniciou, xunto a Jaume Balagueró, a exitosa saga “[Rec]” en 2007. Continuando logo con títulos como “Verónica” (2016), “Quien a Hierro Mata” (2019), “La Abuela” (2021) ou “Hermana Muerte” (2022). O seu máis recente traballo, ata o momento, é un dos segmentos de “V/H/S/ Halloween” a última entrega da coñecida saga de terror que se estreará nos Estados Unidos o 3 de outubro deste ano.