Que pasaría se a túa primeira curta profesional estivese supervisada polos creadores de éxitos como La casa de papel ou El desconocido? Curtas Festival do Imaxinario e Producciones Mutantes unen forzas para lanzar CURTAS MUTANTES 2026, unha iniciativa pioneira deseñada para transformar un guión novel nunha obra cinematográfica de primeiro nivel.
Máis ca un simple concurso, Curtas Mutantes preséntase como unha gran oportunidade para os novos creadores do xénero fantástico. O certame ofrece o que poucas convocatorias garanten: un acceso directo á profesionalización, eliminando as barreiras habituais de entrada ao sector audiovisual.
Unha porta de entrada á industria
Curtas Mutantes desmárcase da formación académica tradicional para posicionarse como unha auténtica plataforma de lanzamento profesional. A súa filosofía baséase en servir de ponte para que un guionista/director novel viva a súa primeira experiencia de rodaxe nunha contorna industrial real, contando en todo momento co respaldo técnico e loxístico dunha produtora consolidada e o aval dun festival internacional.
Lonxe de recibir unha dotación económica para xestionar en solitario, o gañador entrará nunha dinámica de produción profesional. A rodaxe, prevista para este verán en Vilagarcía de Arousa, realizarase con equipos de cámara, iluminación e son de primeiro nivel proporcionados pola organización.
Xurado de selección
O proceso de selección contará cunha primeira fase realizada polo equipo de Curtas para determinar 10 guións finalistas. Estes traballos serán avaliados por un xurado de expertos composto polo produtor e director Raúl Cerezo (Viejos), o crítico e guionista Javier Trigales (El Semblante) e a directora Olga Osorio (¡Salta!), quen serán os encargados de elixir o proxecto gañador.
Aprender dos mellores
O gran valor diferencial desta oportunidade reside no equipo humano que acompañará ao gañador durante o proceso. O proxecto será titorizado por dous dos nomes máis relevantes do fantástico e o thriller en España:
-
Alberto Marini (Mientras duermes, El desconocido, La unidad) asesorará ao gañador para perfeccionar a narrativa e estrutura do guión antes da rodaxe.
-
Miguel Ángel Vivas (Secuestrados, Extinction, La casa de papel) ofrecerá a súa visión experta e asesoramento sobre a dirección e a posta en escena.
A eles súmanse Gero Costas (Producciones Mutantes) na supervisión técnica de postprodución e Luis M. Rosales (Director de Curtas) na estratexia de distribución.
Distribución e estrea de prestixio
A oportunidade non remata coa rodaxe. Para garantir que a obra teña un percorrido exitoso, o premio inclúe o deseño do póster oficial por parte do equipo creativo do Festival e, grazas á colaboración de Festhome, un Pase Anual da plataforma. Esta ferramenta clave permitirá á curta viaxar por festivais de todo o mundo sen custos de xestión, facilitando a súa internacionalización.
O broche de ouro será a estrea oficial da curtametraxe durante a 54ª edición de Curtas Festival do Imaxinario, onde a obra compartirá pantalla coas mellores producións internacionais do ano.
Prazos e inscrición
A procura do próximo gran talento do fantástico xa comezou. Os guións, de temática fantástica e duración máxima de 5 minutos, poden enviarse ata o 30 de abril de 2026 a través da plataforma Festhome, dentro do apartado Curtas Mutantes.
O proxecto gañador anunciarase o 15 de maio.