Curtas Festival do Imaxinario dá un novo paso na súa proxección nacional sumándose á rede dos Premios Fugaz, os galardóns de maior peso na curtametraxe española. O festival de Vilagarcía incorporarse como Festival Amigo, unha figura que transcende a colaboración simbólica, pasando a formar parte, con voz e voto, da Comisión encargada de decidir o palmarés.
Esta alianza ten unha relevancia especial para o audiovisual da comunidade, xa que sitúa a Curtas como o único festival galego que actualmente forma parte desta rede. Deste xeito, o evento non só integra o seu criterio no gran foro de decisión da industria, senón que exerce de representante de Galicia nuns premios nos que participan máis de 1.500 profesionais do sector.
Os Premios Fugaz distínguense precisamente por ese modelo de votación transversal. Ao entrar neste grupo, Curtas Festival do Imaxinario participará activamente na valoración dos traballos que marcan a tempada, reforzando o seu compromiso cos creadores e consolidando o seu papel como axente activo dentro da industria española.