Curtas Festival do Imaxinario galardoado co Premio Especial na 46ª edición de Fantasporto

Na noite do sábado 7 de marzo, Curtas Festival do Imaxinario foi protagonista na gala de clausura da 46ª edición de Fantasporto. O certame galego foi distinguido co Premio Especial do Festival, un recoñecemento que pon en valor a súa traxectoria, a súa contribución ao cine fantástico e o seu labor de promoción internacional do talento galego.

O galardón foi entregado persoalmente por Mario Dorminsky, director do Fantasporto, quen durante a súa intervención destacou a estreita e lonxeva relación que une ao festival luso con Galicia. Dorminsky fixo unha mención especial á figura de Luis M. Rosales, director de Curtas, subliñando o vínculo profesional e a colaboración entre ambos ao longo dos anos.

A participación de Curtas Festival do Imaxinario nesta edición de Fantasporto tivo como eixo central a presentación de “Galicia Imaxinaria”, un proxecto que sitúa a creatividade e a potencia visual dos autores galegos no escaparate do xénero fantástico internacional. Esta colaboración reafirma o papel do festival como ponte cultural para o noso audiovisual e cristalizará na vindeira edición de Vilagarcía cunha mostra retrospectiva de curtametraxes de xénero seleccionada polo propio Fantasporto.

Con este Premio Especial, Fantasporto recoñece non só a calidade da programación do festival de Vilagarcía, senón tamén a súa capacidade para xerar sinerxías internacionais e o seu compromiso inquebrantable co cine de xénero.