Curtas establece alianza con Lusca para impulsar o cinema entre Galicia e Puerto Rico

Curtas Festival do Imaxinario anuncia unha nova alianza estratéxica co Lusca Film Fest, o principal certame de cine fantástico do Caribe. Este acordo consolida unha ponte cultural que conectará directamente o talento emerxente do cine de xénero entre Galicia e Porto Rico, facilitando un intercambio de programación deseñado para que novas audiencias descubran voces e narrativas únicas de ambos os dous territorios.

Como eixe central desta colaboración, Curtas Festival do Imaxinario acollerá unha selección curada de curtametraxes portorriqueñas. Esta mostra destacará obras que formaron parte de edicións recentes de LUSCA, representando o mellor do cine fantástico caribeño actual ante o público galego.

Pola súa banda, o programa especial “Galicia Imaxinaria” viaxará ata Porto Rico da man do Lusca Film Fest. Esta mostra representativa do talento audiovisual galego nos xéneros de ciencia ficción, horror e fantasía permitirá ao público portorriqueño experimentar de primeira man a diversidade estética e temática da produción fantástica realizada en Galicia.

“Esta alianza representa exactamente o tipo de ponte cultural que buscamos construír: conexións reais entre comunidades creativas que comparten unha paixón polo cine fantástico,” expresou Zoilo Rodríguez, fundador e director do Lusca Film Fest. “Entusiásmanos abrir este corredor entre Porto Rico e Galicia, non só para exhibición, senón como base para futuras colaboracións, coproducións e desenvolvemento de talento.”

O intercambio entre ambos os dous festivais non só amplía o alcance internacional das súas respectivas programacións, senón que tamén fortalece unha rede global de festivais dedicados ao cine de xénero. Ao fomentar o diálogo creativo e a circulación de obras máis alá das súas fronteiras, Curtas Festival do Imaxinario e Lusca Film Fest reafirman o seu compromiso coa internacionalización do cine de xénero e a creación de novas oportunidades para cineastas emerxentes a nivel global.