Curtas Festival do Imaxinario e Obscura Filmfest de Berlín unen forzas polo fantástico

Curtas Festival do Imaxinario continúa expandindo as súas fronteiras e consolidando alianzas estratéxicas cos principais certames de xénero europeos. Nesta ocasión, o festival anuncia unha colaboración especial co Obscura Filmfest de Berlín, un referente do cine fantástico e de terror na capital alemá.

Esta unión nace co firme propósito de potenciar o talento emerxente e crear unha ponte cultural sólida entre Galicia e Alemaña. O intercambio permitirá que as obras de cineastas de ambos os dous países cheguen a novos públicos, fortalecendo a visibilidade do cine de xénero internacional.

Intercambio de programación: “Galicia Imaxinaria” viaxa a Berlín

Como parte fundamental deste acordo, Curtas Festival do Imaxinario proxectará durante a súa vindeira edición unha selección representativa de curtametraxes que marcaron a traxectoria do festival berlinés. Unha oportunidade única para que o público de Vilagarcía de Arousa descubra as propostas máis innovadoras e arriscadas do panorama fantástico alemán e internacional.

Pola súa banda, o Obscura Filmfest acollerá na súa programación a mostra “Galicia Imaxinaria”. Esta selección, comisariada polo noso festival, levará a Berlín o mellor do talento audiovisual fantástico galego, exportando a nosa identidade e creatividade a unha das cidades máis vibrantes do cine europeo.

Unha ponte cara ao futuro

Esta colaboración non só busca a exhibición recíproca de curtametraxes, senón que pretende preparar o camiño para futuros proxectos conxuntos entre ambas as dúas organizacións. A iniciativa permitiranos apreciar a ampla gama de estilos, temas e sensibilidades presentes no fantástico de ambos os dous países, demostrando que o xénero non entende de fronteiras cando se trata de imaxinar novos mundos.

𝙋𝙝’𝙣𝙜𝙡𝙪𝙞 𝙢𝙜𝙡𝙬’𝙣𝙖𝙛𝙝 𝘾𝙪𝙧𝙩𝙖𝙨 𝙑𝙞𝙡𝙖𝙜𝙖𝙧𝙘í𝙖!