É innegable que a forma na que consumimos o audiovisual cambiou. As pantallas dos nosos móbiles e as plataformas dixitais crearon novas formas de narrar. O que empezou case como unha anécdota, o formato vertical (9:16), é hoxe unha linguaxe propia cunha gran forza, capaz de conectar directamente co público sen perder calidade, profundidade nin identidade de autor.
Por iso, Curtas Festival do Imaxinario dá un paso adiante na súa 54ª edición (do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026) coa creación de Vertical Fantastic Contest. Unha nova sección competitiva enfocada en explorar como respiran o terror, a fantasía e a ciencia ficción cando lle damos a volta á pantalla. Buscamos curtametraxes e series web pensadas desde cero para o dispositivo móbil, pezas que non sexan simples recortes dun plano panorámico, senón que entendan a verticalidade como parte da historia.
Queremos ver como os creadores aproveitan este lenzo para xerar inmersión e tensión dunha forma distinta. A selección será moi coidada: escolleremos unicamente 10 traballos para que compitan polo galardón desta categoría. Ademais, queremos deixar clara a nosa postura respecto ás novas ferramentas tecnolóxicas. Valoramos por riba de todo o talento e a perspectiva das persoas; aínda que se permite o uso puntual de intelixencia artificial como un apoio creativo menor, non aceptaremos proxectos xerados integramente con IA. A obra ten que ter pulso e corazón humano.
A convocatoria xa está aberta. Os traballos pódense enviar desde este momento a través das plataformas de inscrición habituais do festival.
Podes consultar todos os detalles, requisitos e bases completas na seguinte ligazón: https://curtas.org/vertical-fantastic-contest/
SOBRE CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO
Cunha traxectoria que se remonta a 1973, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror. Máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cine, literatura, banda deseñada e artes visuais nunha proposta cultural única.
A solvencia e calidade do festival están avaladas polas principais institucións do sector. Curtas é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso selo Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo.
Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtas, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. En Curtas, a imaxinación non é só o obxecto da pantalla, senón o motor dunha cita ineludible que celebra o fantástico en todas as súas formas.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.