Curtas Festival do Imaxinario suma un novo fito na súa traxectoria. A Academia de Cine Español ratificou a incorporación do certame á listaxe oficial de festivais cualificadores para os Premios Goya na categoría de curtametraxe de ficción, consolidando ao festival de Vilagarcía como unha peza clave dentro do circuíto audiovisual nacional.
A designación como festival cualificador é un aval á solidez da programación e ao rigor na selección de obras que o certame mantivo durante anos. A efectos prácticos, as producións que formen parte da nosa Sección Oficial Fantástica a Competición adquiren un valor engadido para a súa carreira cara aos Goya. A partir de agora, a nosa Sección Oficial funciona como unha vía directa para os premios da Academia de dúas formas: a obra gañadora do galardón á Mellor Curtametraxe Fantástica Nacional en Curtas Festival do Imaxinario queda automaticamente habilitada para inscribirse nos Premios Goya, mentres que o simple feito de ser seleccionado na nosa Sección Oficial suma puntos para axudar aos cineastas a alcanzar o número mínimo de seleccións ou premios requirido pola Academia para poder presentar a súa curtametraxe aos Goya.
Para o equipo de Curtas Festival do Imaxinario, este nomeamento non só supón un salto cualitativo na súa consolidación, senón que reforza o noso labor como altofalante para o talento emerxente. O festival alíñase agora cos certames de maior peso en España, elevando o prestixio das obras que cada ano se dan cita en Vilagarcía. Dende a organización, este recoñecemento interprétase como o resultado dunha aposta constante polo cine de xénero e o respaldo firme á creación de curtametraxes. Unha confirmación de que o traballo desenvolvido ata a data está a dar os seus froitos, colocando ao festival no lugar que lle corresponde dentro da industria española.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.