Curtas Festival do Imaxinario presenta o cartel oficial da súa 54ª edición. Esta peza, creada un ano máis polo ilustrador arxentino Flavio Greco, transpórtanos a un escenario cargado de mística local: a Illa de Cortegada. Un enclave natural que emerxe no corazón da Ría de Arousa, fronte á costa de Carril e que sempre gardou segredos entre as espesura das súas fragas.
Greco captura un momento de inquietante tensión onde dous mozos, seguidores do festival, se enfrontan ao inefable na súa procura de aventuras. A obra non só xoga coa nostalxia facendo unha homenaxe aos clásicos de aventuras dos 80 e ao horror cósmico, onde o descoñecido escapa a toda lóxica e comprensión humana. É ademáis unha actualización dunha lenda que durante xeracións atormentou aos veciños da localidade: o Urco. Un can negro espectral, demoniaco e inmenso, portador de malos presaxios, que segundo contan as lendas, cruzaba a ría a nado nas noites de tormenta para sementar o pánico. Na ilustración de Flavio Greco esa figura mítica reimaxínase como un horror que transcende a nosa realidade, recordándonos que, en Curtas Festival do Imaxinario, a tradición e a modernidade, o imaxinario e o fantástico, sempre camiñan da man.
Unha narrativa visual que serve de preámbulo para que do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026>, Vilagarcía de Arousa se transforme novamente no epicentro do fantástico. Reafirmando o seu compromiso co arte e a súa comunidade, e invitando a todo o mundo a formar parte dunha edición pensada para todos aqueles que aínda conservan a capacidade de asombrarse ante o imaxinario. ¡Benvidos e benvidas a Curtas Festival do Imaxinario 2026!
