Nace Curtas Imaxina, o primeiro mercado de proxectos e encontro profesional de cinema fantástico de Galicia

Curtas Festival do Imaxinario da un paso máis no seu compromiso coa industria e o talento emerxente co lanzamento de Curtas Imaxina, a I Xornada de Encontros Profesionais e Mercado de Proxectos de Cine Fantástico de Galicia. A cita, que terá lugar o vindeiro 24 de outubro de 2026, nace coa vocación de converterse nun punto de conexión clave entre creadores, produtoras e intermediarios do sector.

Esta iniciativa busca construír un contorno de convivencia áxil e directo onde convivan cineastas consolidados e novos valores. A través de presentacións públicas (pitching), sesións de networking e itinerarios de reunións privadas (one-to-one), os seleccionados poderán poñer a proba a viabilidade comercial das súas propostas e tecer alianzas estratéxicas para levalas a cabo.

Convocatoria aberta a longametraxes, curtas e series

O prazo de inscrición para participar nesta primeira edición estará aberto desde o 27 de xullo ata o 20 de setembro de 2026. A convocatoria diríxese a persoas físicas (directores/as, guionistas) e xurídicas (produtoras independentes) maiores de 18 anos que meguen con un proxecto en fase de desenvolvemento ou produción encadrado dentro do cine fantástico, a ciencia ficción ou o terror. Aceptanse formatos de longametraxe, curtametraxe e serie, xa sexan de ficción, animación ou documental.
A inscrición é totalmente gratuíta e realízase de forma telemática adxuntando un dossier en formato PDF coa información técnica e artística do proxecto. De entre todos os candidatos, un comité seleccionará un máximo de 15 propostas, que se darán a coñecer o 5 de outubro de 2026.

Un premio con selo fantástico e espazo para a industria

Os proxectos seleccionados disporán duns 10 minutos de exposición para defender o seu traballo ante un panel de profesionais e empresas do sector audiovisual. Como aliciente económico e apoio ao desenvolvemento, un xurado especializado concederá o galardón ao Mellor Proxecto Curtas Imaxina, dotado con un premio de 666 €.
Ademais do espazo de presentación, a xornada incluirá momentos de intercambio distendido —con pausas para café e cóctel— orientados a fortalecer o tecido industrial e impulsar a forza do audiovisual fantástico galego e internacional.

As bases completas da convocatoria e o formulario de inscrición xa están dispoñibles aquí. Para resolver dúbidas ou ampliar información, as produtoras e profesionais interesados poden dirixirse ao correo imaxina@curtas.org.