Se o pasado 29 de xaneiro Curtas Festival do Imaxinario se convertía en festival colaborador dos Premios Fugaz, hoxe a organización do certame comunica con enorme satisfacción unha gran nova: tras valorar o traballo realizado, Cortoespaña decidiu nomealo festival cualificador dos Premios Fugaz, os galardóns da curtametraxe española.
Con este nomeamento, Curtas Festival do Imaxinario convértese no único festival cualificador destes premios en Galicia e o único nacional enfocado no xénero fantástico.
Na práctica, isto significa que a curtametraxe que gañe a sección nacional do festival terá un acceso directo á Short List dos Premios Fugaz. A obra pasará directamente a mans da comisión de profesionais para optar ás nominacións en todas as súas categorías, sempre que cumpra coas bases habituais dos galardóns e que non participase anteriormente.
Esta designación supón un importante recoñecemento que axuda ao festival a seguir medrando e dando maior visibilidade ao traballo dos creadores que confían nel. O certame continúa así o seu camiño paso a paso para que o cine e o fantástico sigan tendo o mellor escaparate posible.
Moi pronto daremos a coñecer os seleccionados para a 54 edición de Curtas Festival do Imaxinario que terá lugar do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026 en Vilagarcía de Arousa, co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, o patrocinio de De Angeles Films, Rei Zentolo, Acción Cultural Española, DCP Ready, Factoria do Lume, Gadis, Harald House e The Post Office