Como parte das actividades previas e de ambientación da súa inminente 54ª edición do Curtas Festival do Imaxinario, Vilagarcía de Arousa prepárase para acoller un dos eventos de lecer máis impactantes do país. A cidade transformaráse no epicentro dunha apocalipse zombi en vivo grazas á chegada de Survival Zombie, a experiencia Real Game máis recoñecida de España con máis de 600 edicións ás súas costas.
O 17 de outubro, durante seis intensas horas, os participantes tentarán de sobrevivir nun contorno urbano real onde non existen as pantallas. Todo sucede arredor dos xogadores, convertendo a cada asistente en parte activa dunha historia única. Equipados unicamente co seu inxenio, terán que desprazarse pola cidade, superar probas, resolver situacións complexas e tomar decisións cruciais mentres interactúan con actores profesionais e hordas de zombis. A acción combina interpretación, estratexia, exploración e traballo en equipo, obrigando aos sobrevivintes a pactar alianzas ou enfrontarse á crúa realidade da traizón humana.
UNHA INFECCIÓN CON ECOS DOUTRA DIMENSIÓN
Lonxe de tratarse dun brote convencional, a chegada deste fenómeno ao Curtas Festival do Imaxinario trae consigo un turbio misterio de tintes cósmicos. En radios apagadas, teléfonos desconectados e frecuencias esquecidas comezou a emitirse unha misteriosa sinal: unha voz que pronuncia nomes de forma insistente.
Mentres algúns sobrevivintes debaten se se trata dunha chamada de auxilio doutros humanos, mentes máis lidas descubriron que esas palabras figuran en textos primixenios que existen desde moito antes de que comezase o caos zombi. É un fallo técnico ou atopámonse ante unha presenza milenaria que esperta desde máis alá do noso mundo? Como sinalou unha veciña anónima ao pasar: “Quizais a infección non sexa o principio, quizais sexa soamente a consecuencia dunha cousa que leva miles de anos agardando”.
Os participantes terán por diante seis horas para desentrañar este intrigante misterio ancestral, responder á chamada e esquivar tanto aos mortos viventes coma a outros sobrevivintes egoístas, todo isto sen perder os nervios nin a adrenalina.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
As entradas para vivir en primeira persoa esta inmersiva invasión zombi con toques dos Mitos de Cthulhu xa se atopan dispoñibles para a súa adquisición a través da plataforma oficial: https://survivalzombie.es/survival/curtas-vilagarcia-de-arousa/
SOBRE CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO
Cunha traxectoria que se remonta a 1973, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror. Máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cinema, literatura, cómic e artes visuais nunha proposta cultural única.
A solvencia e calidade do festival están avaladas polas principais institucións do sector. Curtas Festival do Imaxinario é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivales de xénero de todo o mundo. Ademais de ser festival cualificador dos premios Goya e dos premios Fugáz na súa categoría de curtametraxe.
Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtametraxes, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. En Curtas Festival do Imaxinario, a imaxinación non é só o obxecto da pantalla, senón o motor dunha cita inescusable que celebra o fantástico en todas as súas formas.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54ª edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, o patrocinio de De Angeles Films, Rei Zentolo, Acción Cultural Española, DCP Ready, Factoria do Lume, Gadis, Harald House e The Post Office.
