
Relato: Manuel Losada | Ilustración: Santipérez | Sobre unha idea de Luis M. Rosales
O TURNO DE MADRUGADA
A Marta tocoulle o turno de madrugada o primeiro sábado do festival.
Non protestou. Levaba anos limpando edificios públicos e sabía que había traballos que ninguén quería. O que lle estrañou foi a orde: aquela noite non debía limpar as salas nin os baños, só os corredores e os accesos. Nada máis.
—Non entres nas salas —díxolle o encargado—. Aí xa se encargan outros.
Non preguntou quen.
O Salón García cheiraba distinto de noite. Non era sucidade nin produto de limpeza. Era un cheiro vello, húmido, como de madeira que nunca acaba de secar de todo. Cada vez que pasaba a fregona, a auga escurecía antes do esperado, coma se o chan devolvese algo que levaba tempo gardando.
No corredor lateral notou a primeira anomalía.
Non foi un ruído, senón unha presión leve, continua, que lle subía polos pés e lle quedaba no peito, marcando un ritmo lento. Marta detívose un intre, coa fregona apoiada no cubo. Pensou nun xerador, nunha instalación antiga, nunha avaría menor. Pensou no que sempre funciona para seguir traballando.
Continuou.
As luces do corredor non se apagaron, pero perderon intensidade durante un segundo, coma se alguén respirase fondo dentro do edificio. Marta non levantou a vista. Aprendera hai tempo que mirar de máis adoita complicar as cousas.
Na porta dunha das salas, o cubo de limpeza estaba desprazado.
Marta estaba segura de telo deixado ben pegado á parede. Achegouse, colocouno no sitio e, sen saber por que, apoiou a man na porta.
Retirouna de inmediato.
Non estaba quente dunha maneira normal. Era unha temperatura irregular, sostida, coma se do outro lado houbese algo vivo, respirando moi despacio, axustándose ao espazo.
Deu un paso atrás.
Desde dentro chegou un son abafado, semellante a un murmurio colectivo. Non voces. Algo máis fondo. Algo que non necesitaba palabras nin intención clara.
Marta colleu o carro e seguiu traballando.
Non mirou atrás. Fixera da disciplina unha forma de protección. Hai cousas —pensaba— que funcionan mellor se se ignoran con método.
Ao rematar o turno, no vestiario, atopou restos nos baixos do pantalón.
Non po. Non sucidade habitual. Grans finos, húmidos, pegados ao tecido, imposibles de explicar nun edificio pechado.
Limpounos no lavabo sen deterse a pensar demasiado.
A auga tardou máis do normal en marchar polo desaugadoiro.
Ao saír, mirou o reloxo. Eran as cinco e dezaseis. O edificio estaba en silencio, pero non completamente baleiro. Marta non soubo explicar esa sensación, só anotouna mentalmente, como facía con outras cousas.
Ao día seguinte, o encargado preguntoulle se todo fora ben.
—Si —respondeu—. Todo tranquilo.
Non lle contou que, desde aquela noite, cando dorme, soña cun corredor interminable, cun chan que parece ceder baixo os pés e cunha porta morna que alguén empurra desde dentro, con paciencia.
Tampouco lle contou que, algunhas madrugadas, escoita na súa propia casa un son familiar, abafado, coma un proxector distante poñéndose en marcha sen orde ningunha.
E que entón, sen pensalo, se ergue da cama e agarda.
Como se aínda estivese de servicio.
