Introdución

A historia de Curtas Festival do Imaxinario non é unha liña recta. É un relato vivo, cheo de elipses, xiros de guión e saltos ao baleiro. Desde aquel afastado 1973, o noso palmarés foi testemuña da evolución do cinema. Pero tamén da propia loita do festival por sobrevivir aos elementos e ao paso do tempo.

Se ao mergullarte neste arquivo atopas silencios ou datas sen datos, non é froito do esquecemento. Son as cicatrices dun certame que tivo que reconstruírse a si mesmo para chegar a ser o que é hoxe.

Da paixón amateur ao escenario internacional

Todo comezou con sete pioneiros. En 1973, un grupo de socios do Casino de Vilagarcía decidiu que os seus experimentos en Super-8 e 16mm merecían ser vistos. O que naceu como unha proxección privada para amizades axiña desbordou as expectativas. Tres anos despois xa recibía obras de toda Galicia. En 1980 abriuse a España e, apenas un trienio máis tarde, deu o salto internacional.

Polas nosas pantallas pasaron, antes de seren figuras consagradas, nomes que hoxe definen o xénero fantástico, a animación e o cinema de autor español e galego. Esta listaxe é a proba de que o talento de figuras como Rodrigo Cortés, Caye Casas, Javier Fesser, Álex Pastor, Enrique Gato, Pedro Solís, Koldo Serra, Dani de la Torre, Sam Ortí, Haritz Zubillaga, Daniel Sánchez Arévalo, Olga Osorio, Chano Piñeiro, Fernando Cortizo, Mario Iglesias ou Juan Pinzás atopou aquí un dos seus primeiros escaparates.

Un bastión ininterrompido entre os 10 máis antigos de España

Nacer en 1973 outórgalle un estatus especial. Esta data fundacional converte a Curtas no decano dos festivais de Galicia. Así mesmo, sitúao por dereito propio entre os dez certames máis antigos de toda España. Comparte xeración con institucións como Sitges, Huesca ou o Festival de Xixón.

Pero o que realmente distingue a nosa historia non é só a antigüidade, senón a constancia. E é que en Curtas xamais nos detivemos. Mentres outros grandes eventos sufrían paróns ao longo das décadas ou se vían forzados ao formato en liña ante crises globais, Vilagarcía mantívose firme. Un exemplo desta resistencia foi o ano 2020. Nun mundo temeroso e confinado, Curtas foi unha das poucas citas que non renunciou ao encontro físico. Celebrou unha edición integramente presencial. Porque para nós, o cinema non é só contido; é unha experiencia colectiva que cómpre defender na sala, contra vento e marea.

Unha rareza no mapa mundial

A nivel internacional, esta traxectoria outórganos un perfil singular. É unha historia en dous tempos. Se ben a nosa fundación en 1973 nos converte en contemporáneos da “Xeración de Ouro” dos festivais, mesmo precedemos citas como Toronto ou Sundance. A nosa especialización é froito dunha evolución consciente iniciada en 2015.

Isto sitúanos como un caso único no circuíto. Combinamos a solidez institucional dun certame con máis de 50 anos de vida ininterrompida —algo case inaudito en festivais nacidos do ámbito asociativo— coa frescura dun proxecto entregado en corpo e alma ao fantástico. Non somos só un festival de xénero; somos un anaco da historia do cinema que soubo adaptarse aos tempos e atopou no imaxinario o seu verdadeiro fogar.

A memoria mergullada

Porén, o noso pasado máis remoto descansa, literalmente, baixo a auga. Durante as décadas nas que o festival medrou ao abeiro do Liceo Casino, unha inundación nos almacéns da entidade arrasou con boa parte do arquivo histórico. Actas, fotografías e listaxes de gañadores perdéronse naquela desgraza. O que lerás a continuación nas primeiras décadas é unha tarefa de arqueoloxía documental, reconstruída grazas á prensa da época e á memoria oral de quen estivo alí.

Por este motivo, queremos expresar un agradecemento especial a La Voz de Galicia, Rafael SabugueiroArousa TV, O Faiado da Memoria, Vitor Mejuto, Pablo Jueguen, Benxamín Rei e a quenes nos facilitaron material para recuperar este legado.

2015: O renacer do Imaxinario

A historia recente do festival escríbese a partir dun punto de inflexión. En 2014, malia a delicada situación económica da entidade organizadora orixinal, o festival conseguiu manterse en pé. Cumpriu coa súa cita competitiva, demostrando unha vontade inquebrantable de non apagar as pantallas. Porén, aquel esforzo de resistencia marcou o fin dun ciclo e evidenciou a necesidade dunha transformación profunda.

En 2015, ante o risco real de desaparición, confiouse a dirección a Luis M. Rosales (entón director de Nocturna Madrid). O encargo era titánico: salvar o legado e transformar o vello Curtas Film Fest nun evento do século XXI. Para blindar o seu futuro, creouse unha nova asociación independente que relevou ao Liceo Casino na xestión, profesionalizando cada área do certame.

Baixo esta nova etapa, o festival abrazou definitivamente a súa verdadeira natureza. Incorporáronse as longametraxes e, en 2020, oficializouse o que xa era unha realidade: a consagración total á cultura do cinema fantástico baixo a marca Curtas Festival do Imaxinario. Desde ese renacemento, cada premio e cada mención rexístranse coa meticulosidade que merece un legado. Un legado que nunca máis deixaremos perder.

Benvidos ao noso legado.