Tras recibir un total de 80 proxectos na súa convocatoria inaugural, o concurso de guión de Curtas Festival do Imaxinario xa ten gañador. A proposta titulada “A rañala!”, asinada polo guionista Adrián Nájera, foi a seleccionada por un xurado de excepción composto pola directora Olga Osorio, o guionista e crítico Javier Trigales y o produtor Raúl Cerezo.
Esta iniciativa, nacida da colaboración entre o festival e a produtora Producciones Mutantes, consolídase como unha verdadeira “porta de entrada” á industria profesional, ofrecendo aos novos talentos do xénero fantástico unha plataforma de produción e mentoría sen precedentes no panorama nacional.
Un folk horror nos parques de cultivo de Carril
O guión gañador mergúllanos nunha historia de rencor e horror sobrenatural protagonizada por Sabela, unha mariscadora de cincuenta anos con moito carácter. Tras ser castigada no “vivero maldito” de Carril, Sabela atopa unha rosa branca aboando sobre a auga que oculta un sinistro artefacto: “O ollo do demo”. O que comeza como unha vinganza mística para eliminar ás súas compañeiras de faena termina converténdose nunha espiral de ironía desprazada, demostrando que xogar coas forzas do mal nunca sae de balde.
Unha oportunidade única de formación e produción
Adrián Nájera iniciará agora un proceso de profesionalización de primeiro nivel antes de saltar ao set de rodaxe. O gañador recibirá un paquete de mentorías de luxo para puír o proxecto:
- Asesoría de Guión: Unha titoría personalizada con Beto Marini (Mientras duermes, La Unidad) para perfeccionar a narrativa e a estrutura da obra.
- Asesoría de Dirección: O cineasta Miguel Ángel Vivas (Secuestrados, Tu hijo) achegará a súa experiencia para definir a posta en escena e o enfoque tras as cámaras.
- Produción Integral: A rodaxe de “A rañala!” levarase a cabo este próximo verán de 2026 integramente en localizacións de Vilagarcía de Arousa, contando con equipo técnico profesional e o respaldo da organización.
Estrea e percorrido internacional
A obra resultante vivirá a súa gran estrea mundial durante a 54ª edición de Curtas Festival do Imaxinario, que se celebrará do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026. Tras o seu paso polo festival, a curta iniciará o seu percorrido por certames internacionais, proxectando o talento emerxente e as paisaxes de Arousa en pantallas de todo o mundo.
Con este concurso, Curtas Festival do Imaxinario reafirma o seu compromiso non só coa exhibición do mellor cine fantástico, senón coa creación activa e o apoio directo ás voces que definirán o futuro do xénero.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.